Comezo esta sección cun texto meu que utilicei como limiar á edición das obras premiadas do Certame de Banda Deseñada AX1 do IES Arcebispo Xelmírez I no ano 2022:
Se cadra, cando falamos de banda deseñada, pensamos no seu vínculo co mundo da fantasía e das aventuras. Pensamos en como esas grandes temáticas se articulan para dárennos a perspectiva dos mundos que non existen e que só poden desenvolverse nos miolos, na escrita, nas viñetas e, mesmo, nas grandes pantallas. Pensamos tamén que o seu público só abrangue as idades máis novas da vida, sendo esta unha das ideas que debemos desterrar do noso raciocinio.
Por iso, todo aquilo que non reflicta as vidas rutineiras e decadentes do late capitalism europeo, fica sempre fóra do panorama artístico dos adultos convencionais, non só porque estes xa perdesen a súa curiosidade polas utopías imaxinativas, senón tamén porque probablemente alguén xa se ocupou de que a súa imaxinación non sobrepasase os límites de coñecer alén de Astérix ou As aventuras de Tintín. Aínda así, cómpre non minusvalorarmos estas bandas deseñadas, levadas ao cinema e á televisión, pero consideremos que debe haber máis mundo fóra da Galia e da Bélxica.
Quen participou neste certame? Participaron rapazas e rapaces que empezan a mergullarse na vida adulta e que, contra os prexuízos asociados á banda deseñada, continúan a participar nos concursos en que poden mostrar, minimamente, un anaco do seu talento creativo. Continúan a facer obras de arte coas que podemos entrar na súa imaxinación e coñecer un mundo en potencia que non existiría se non se afastasen dos prexuízos dos adultos. Xa que se trata dun certame para estudantes de ESO e Bacharelato, falemos dos temas que os preocupan! Falemos da depresión, da saúde mental, dos complexos físicos e mentais, do acoso escolar, da puberdade, do amor, da diversidade sexual e cultural, das redes sociais, do futuro da lingua galega, da fantasía, da maxia…
Falemos dos temas incipientes nas sociedades democráticas, porque hoxe, por fin, teñen o seu espazo no debate público e deben ter a mesma representación na arte colectiva. Por que son considerados temas menores polo gran público mainstream se preocupan unha parte da sociedade que será o futuro? Por que non aceptamos dunha vez por todas que a xente nova ten o mesmo criterio para cualificar a calidade do que fai, escribe ou debuxa ca calquera outra xeración maior? Por que a banda deseñada debe ser só o medio de expresión de frikis e “nenos pequenos” e non de grandes autores recoñecidos por todo o mundo? Ou, máis ben, por que eses frikis e “nenos pequenos” non poden ser grandes autores amplamente recoñecidos?
Preguntémonos por que estes cualificativos non son virtuosos, senón pexorativos. Cal é o problema de querermos vivir nun mundo de fantasía ou de imaxinarmos dramaticamente certas épocas históricas? Cal é o problema de tentarmos ser felices nos mundos que creamos e observamos, fronte á monotonía aburrida da vida real? E, aínda que queiramos plasmar e observar universos parecidos ao noso, por que non podemos inventar novas historias que nunca aconteceron?
Reivindico a nosa forma de ser e de crear, quero vivir nun mundo inventado por min ou por outros coma min, quero encher as carencias da realidade material que nos afoga e destina a estar inmersos nunha rutina gris e decadente que será sempre a mesma. Eu, en cambio, quero ser un friki e un “neno pequeno”, e non teño vergoña.
Négome a aceptar a nosa realidade e a non poder coñecer, por exemplo, de onde vén e a onde vai Ciris, na historia de Nuno Cabrera. Négome a non saber o que é ter un raposo
antropomórfico como suposto amigo, coma na historia de Álex Fornos. Porén, quero aprender a defender a miña illa, que seguro que Chano Duro sabe moito disto. Ou a aceptar que, como artista, podo ter momentos en que non son capaz de facer unha soa viñeta ao xeito e non pasa nada, como me diría Helena Fernández. Consecuentemente, subliñemos as dúas frases esenciais e tan pedagóxicas da súa banda deseñada:
Os artistas ás veces non temos inspiración (…). Ás veces non nos saen as cousas.
Reflexionemos sobre isto. Falemos desta realidade tan común e tan pouco referenciada.
En definitiva, fronte ao que vos din aqueles que desprezan a vosa arte, seguide facendo banda deseñada, a vosa propia banda deseñada. Sendo a vosa imaxinación o futuro da sociedade, nunca abandonedes os mundos inventados nin fantasiosos. Confiade no voso potencial, porque xa o fixestes unha vez participando neste certame.
O voso amigo artístico,
Adrián Noia
