Categorías
Artigos

A eterna sala Nasa

Xa pasaron dous anos desde aquela efeméride en que Tristán Ron publicou, da man do grupo Chévere, a súa primeira novela gráfica, O Navegante. Por iso, para prepararmos xa este segundo aniversario quero compartir convosco un texto inédito que lin naquela altura. O discurso que lin na presentación do libro voou aquel día, o 22 de marzo de 2023, ficou no aire, mais hoxe gustaríame recuperalo para pór en valor o que significou O Navegante para tantas persoas que formaron parte da sala Nasa de Compostela. Non digo máis nada:

«Benvidas todas, novamente, a esta xuntanza co noso grande amigo Tristán, contigo. É un orgullo máximo para min poder dedicarche este discurso como agradecemento do que supón para nós a túa obra O Navegante. Unha viaxe a bordo da sala Nasa. Tamén creo que pode ser unha maneira de devolverche o favor daquela ilustración que me fixeras con tanto agarimo para a miña novela. Escribíasme como dedicatoria manuscrita desta primeira edición algo así como “que sexan máis historias para contarmos xuntos”, pero agora a historia quero contarcha eu, desde o que considero que todas vimos a través d’O navegante. Queres convencernos de que hai, nalgúns casos concretos, unha certa ficción, pero eu non te creo, porque penso en Flori Sitman (do que teño que admitir que quero un spin-off xa!) e penso na representación do propio Navegante (que ti tamén o fuches, non o esquezas nunca), aquel que emerxe desas augas despois do afundimento da Nasa. Declárase o seguinte sobre isto:

“Lembro as mobilizacións contra ese inxusto relato, contra tantas mentiras e presións […]. Pero sobre todo lembro o día das eleccións. Conde Roa levaba no programa electoral a promesa de pechar a sala Nasa. Eu non entendía como alguén podía usar unha falsa acusación de terrorismo para gañar votos” (p. 68).

Un rapaz de apenas 12 ou 13 anos deixa de debuxar a Flori Sitman, que morre coa caída da Nasa pola vitoria da dereita en maio de 2011. Para min, resulta traumático que pola culpa dalgúns ignorantes desaparecese non só un dos maiores centros de creación cultural naquela altura, senón tamén unha personaxe tan real coma o teu amigo de lapis e papel.

Ficoume claro que iso non acabou así contigo. A sala Nasa molestaba os poderosos por ser un lugar libre da cultura compostelá, galega e, sobre todo, universal. Molestaba a aqueles que, segundo ti, “loitan contra a democratización da arte, […] contra a cultura independente e crítica, […] contra a diversidade artística, sexual ou identitaria” (p. 75). E canta razón…

No final dese soño tan real como navegante, subliñas a fortaleza dos recordos que perduran, pois —e parafraseo:— debemos loitar por “un recuncho que non nos deixe esquecernos de nós mesmos, do que fomos e fixemos”, pois así poderemos pensar “con azos de esperanza, no que queremos ser e no que seremos” (p. 76-77). Con todo, o teu alter ego volve á realidade e ocúpase das preocupacións máis persoais. Malia isto, estou convencido de que esta banda deseñada é a expresión máxima do que para ti supuxo a sala Nasa, non só polo teu vínculo familiar (que é ben coñecido), senón tamén porque foi a verde semente que, na túa adolescencia e agora, fixo aflorar o compromiso social, político e cultural con esta cidade, con este pobo e coa nosa cultura ceiba.

Se retomo o comezo da obra, aparécenos xa a bandeira do Nunca Máis no teu cuarto e non podo non encontrar un paralelismo co N.E.V.E.R.M.O.R.E. de Chévere —aos que felicito e agradezo esta tan necesaria peza no aniversario do Prestige—. Non podo non encontrar un paralelismo con esa viaxe ao pasado que protagoniza un ti máis pequeniño (e seguro que máis inocente) a través dos grandes fitos da sala Nasa, das súas festas, das súas representacións e de todo canto eles quixeron crear entre 1992 e 2011, como as Ultranoites (que, como che dicía o teu pai, acababan moi tarde —p. 30—) e que tristemente nunca chegaches a ver por culpa de —e non me treme a voz por dicilo—, por culpa do corrupto Conde Roa.

Quero destacar tamén o golpe de realidade, entre as páxinas 31 e 35, con ese primeiro contacto co afundimento do gran barco da Nasa, como recordo previo á adolescencia, para dares paso ao grande e inigualable Flori Sitman. De como o debuxas, teño que dicir, sinceramente, que fiquei apaixonado… Conservas os trazos e as dimensións de como o facías con 13 anos e, a pesar de vermos un cambio na técnica, resulta para min unha bonita homenaxe a el, á túa traxectoria e á túa memoria persoal.

Acabo isto falando da caixa amarela, motor desta historia, da que supoño que na realidade serviu tamén como aliciente para a creación desta obra. Aquela caixa que, segundo o teu alter ego, “acabaría converténdose nun tesouro” e na que encontraches primeiramente as ilustracións do propio Navegante, o conto que escribira a túa nai, do que máis tarde saíu un espectáculo de ciencia ficción de Chévere dentro daquela famosa cúpula (pp. 40-41).

Con todo, pecho un momentiño esa caixa, pero coa promesa de que a deixes media aberta para sempre, para que a memoria e a pegada da sala Nasa —e a túa tamén— non fique no esquecemento de ningún de nós, porque a batalla aínda non está perdida, como din aqueles versos de Celso Emilio Ferreiro que cito a continuación:

Aldraxados por séculos

mallados e feridos,

asoballados sempre,

decote desvividos,

pregunto qué fixeron,

contesto que fuxiron

da terra malpocada,

sen pelexar, vencidos,

abandonado o campo

á furia do inimigo.

Só uns cantos bravos

a proba resistiron.

Garda, matria, un loureiro

prá frente destes fillos.

“Nunha foxa común”,

Cimenterio privado, 1973.»

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *