Categorías
Artigos

Acróstico (Carme Moure)

Neste 2025 pasarán moitas cousas na miña vida literaria. Máis alá da nova novela que publicarei en Galaxia nunhas semanas, boto a vista atrás e decátome de que estamos preto do terceiro aniversario da publicación de O país dos raposos (2022) e, por tanto, do terceiro aniversario da primeira presentación desta obra (6 de outubro de 2022), a miña presentación en sociedade conducida por dúas anfitrioas excepcionais: Sagrario Torrado Blanco, compañeira de escritas e actos, e a miña titora de 2.º de bacharelato e docente de Lingua Galega e Literatura (e tamén amiga), Carme Moure Espiño.

Na presentación, Carme Moure compartiu comigo e coas persoas presentes un acróstico sobre O país dos raposos e sobre min. Lembreime recentemente del e apresureime a buscalo para plasmalo neste espazo porque abofé que merecía estar aquí. Encontreino perdido e esquecido na páxina web da biblioteca do Xelmírez I e ben merece xa ese acróstico volver a nós, porque é a orixe, a matriz dun percurso de meu que, ás présas, aínda é capaz de volver a vista atrás e reparar nas pegadas do camiño.

Velaquí o acróstico de Carme Moure:

Annie Ernaux, gañadora do Premio Nobel de Literatura 2022, afirmaba nunha entrevista que “a contraposición entre ficción e realidade é un falso problema, o importante é escribir a verdade” e “que non importa a forma, ficción, non ficción, autobiografía…O crucial é a verdade”. E de verdade trata a ópera prima de Adrián, que presento cun pequeno acróstico, xogando co nome do autor.

Co A de Adrián, primeiro Agradecemento, por pensar en nós, esta que foi e é a súa casa, o Xelmírez I, para a presentación da súa primeira novela, O país dos raposos, galardoada co 2º Premio da Xuventude Crea 2021 na categoría de Novela Curta. Logo, e seguindo co A, dubidei entre Alerta, Alarma e Ameaza, porque O país dos raposos é todo isto, pero vou quedar coa última, con Ameaza, pois resulta imposible ler a novela e non sentir unha sorte de corda ameazante ao pescozo. Ameazada a democracia, que se ve débil e defectuosa, ameazada a liberdade e a disidencia, ameazada a vida pola que o fascismo, ese do que xa dixo Orwell que viría camuflado coa bandeira da liberdade, se infiltra borrando a memoria do que un día foi e pode volver ser. Pero non quería abandonar o A, así dun xeito tan pesimista e propoño outro termo, Activismo, porque ser activista é saber resistir e diso, o personaxe de Nerón (e Adrián) tamén saben.

Co DDistopía, evidente nesta primeira incursión narrativa do autor, xa que a sociedade que retrata no país de Vulpania non é real, por agora… polo que entón ao mellor deberiamos falar de profecía. Ou unha Distopía profética ou unha Profecía distópica…Non sei se estarei liando moito o novelo, Adrián! Mellor queda para o coloquio. En calquera caso, o que se retrata arrepía, mete o medo no corpo e concibe un escenario aterrador, pero non é imposible… e neste país sabémolo ben porque xa o vivimos. O que queda, quizais, como di Margaret Atwood, mestra nisto da distopía, é “crear unha utopía que nos axude a imaxinar como salvar o mundo”.  

Co R poderían ser moitas. Aquí tiven máis difícil a escolla. Rebelión, Resistencia, ou Reencontro (este, o de hoxe ou o do bar do libro, onde Nerón toma unhas copas con Paulo e Catarina para celebrar a vida). Pero voume quedar con ROSALÍA (de Castro), porque ela abre e pecha O país dos raposos, porque eses “que fixeron un leito de toxos e silvas / e tranquilos nun leito de rosas durmían” son os mesmos que prentenden vencer, matar e triunfar (“o raposo vencerá”, “o raposo matará”, “o raposo triunfará”). Mais Rosalía está tamén nas sombras, negras, que percorren a obra e que “asombran, fan mofa e en todo están”.

Co I, unha tríade formada por Intelixencia, Ilusión e Incredulidade. Intelixencia, a de Adrián, por artellar un relato tan digno sendo tan novo (certo é que non es o primeiro, cos mesmos anos, Mary Shelley escribiu Frankenstein); Ilusión, a miña, a nosa, por que o fagas en galego, pois como di Manuel Rivas, tamén querido por ti: “Na terra escondida/Fálase unha lingua/que chove cos pés descalzos”; eu engadiría por agora e cada vez menos, pero quedemos cos versos do poeta… e Incredulidade, tamén a miña, a nosa, porque non creo/cremos nada iso que dis de que “nunca pensei que chegaría ata aquí sen esforzo nin traballo constante”. Queda tamén para o coloquio.

Co A, o inicio da que creo que é unha das frases claves do libro “Ámote, non o esquezas” (non vou dicir quen a pronuncia nin en que contexto para non facer iso que agora chaman espóiler e antes era estragar, arruinar, chafar…). Porque a pesar de toda a violencia, eixo da obra e por veces insoportable, o AMOR está e maniféstase, con maiúsculas, e transforma unha realidade vermella como o sangue do raposo que desacouga e estremece nun refoleo esperanzador. 

E para rematar este acróstico literario, o N, e aquí a palabra é Nerón, que como un equilibrista na corda do trapecio, bordea o abismo este personaxe cheo de forza e simbolismo, e transita, sen querer, pola negación, a ira e a dor. E é esta última, a dor, a que “lle dá lucidez e coñecemento. Pois é a dor a que nos amosa a realidade na súa verdadeira extensión” e Nerón sae “fortalecido cando fai ese traxecto” (e estas palabras non son miñas, que máis quixera, senón da última novela de Diego Ameixeiras, ben querido por Adrián).

Grazas a todas e todos vós por acompañarnos. 

Parabéns a Adrián polo premio, beizóns pola escritura e por ser, como di Sés na súa canción, semente de vencer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *