Hai uns días descubrín que a miña novela, O país dos raposos (Toxosoutos, 2022), foi incluída nun artigo académico sobre a distopía na literatura galega.
Só aparece o título e o meu nome nunha listaxe xunto a outras obras e outras autorías que publicaron entre 2008 e 2022, mais o feito de aparecer aí é indicativo de algo que eu non podo controlar: a nosa obra, a nosa actividade artística, desaparécenos das mans para ser pública e de todos, para ser partillada con todas as persoas que dalgún xeito se interesan por coñecela e estudala.
Non podo describir a sorpresa de aparecer aí de súpeto, mais si agradecer que a miña obra tivese cabida nos estudos literarios. Sen dúbida, cando os autores escribimos, é para sermos lidos, para falaren de nós, aí tamén está a maxia de escribir. Tampouco sei que pegada tivo a miña obra, mais con certeza sei que, polo menos, unha persoa entre moitas se interesou por incluíla.
Como lle dixen a unha amiga, xa chegou o momento de ser obxecto de estudo, e non soamente unha persoa que fai o que lle gusta. Escribir ten consecuencias e esta é unha desas que son boas.
O artigo chámase «Imaginarios dóciles, ansiedades soberanas» (2024), de Pablo Pesado. A ligazón ao artigo é a seguinte: https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=9768608.
